venres, 29 de decembro de 2017

O BNG DE VIVEIRO DEMÁNDALLE AO GOBERNO MUNICIPAL ADOPTAR MEDIDAS PREVENTIVAS DE SEGURIDADE E SALUBRIDADE NA CONTORNA DOS EDIFICIOS DE SEIRAMAR E DO SERRA CO FIN DE ELIMINAR O PERIGO EXISTENTE PARA A VECIÑANZA DE VIVEIRO E COVAS.


O BNG de Viveiro ven de rexistrar no Concello un escrito dirixido ao Goberno de María Loureiro para esixirlle adoptar medidas preventivas de seguridade e salubridade ao longo de todo o perímetro dos edificios de Seiramar (Covas) e do Serra (Pontelabrada-Viveiro), para dar protección e velar pola seguridade da veciñanza e viandantes que frecuentan estas zonas de Covas e Viveiro, debido ao lamentable estado de abandono no que se atopan estas dúas edificacións. e que son obxecto de preocupación das veciñas e veciños destas contornas cuxas queixas lles  fixeron chegar  ás/aos nacionalistas viveirenses.


A organización nacionalista, logo de comprobar o estado de abandono e deterioro destes inmobles cren efectivamente que existe un perigo real para os viandantes e que de non poñerlle solución inmediata a esta situación, pode chegar a provocar unha traxedia os posibles desprendementos de elementos deteriorados das fachadas destes edificios, ademais de ser dous perigosos focos de salubridade para as veciñas e veciños destas zonas, dado que se converteron nun niño de infeccións, insectos e ratas por mor da acumulación de lixo.

Desde o BNG de Viveiro teñen claro que é responsabilidade do Concello adoptar as medidas preventivas de seguridade e salubridade, por conta dos propietarios, para dar protección e velar pola seguridade da veciñanza e viandantes que frecuentan estas zonas de Viveiro e Covas. Medidas que deben traducirse, por exemplo, na instalación de mallas de seguridade nas fachadas dos edificio para evitar posibles desprendementos e/ou valados ao longo das zonas perimetrais destes edificios.

O BNG de Viveiro entende que o goberno municipal debe pedir os informes técnicos municipais correspondentes sobre estes inmobles para comprobar se se dan as condicións para a declaración de ruína das edificacións e proceder conforme establece a lei para estes supostos ou de non darse as condicións, para requerirlle aos propietarios destes edificios a execución das obras de reparación, conservación e mantemento dos mesmos nas debidas condicións de seguridade, salubridade e ornato conforme ao establecido na Ordenanza Municipal de Policía e Bo Goberno do concello de Viveiro.

luns, 18 de decembro de 2017

ANA PONTÓN PRESENTA AS BASES DEMOCRÁTICAS DO BNG EN VIVEIRO

A SANIDADE, UNHA PREOCUPACIÓN QUE OS VIVEIRENSES TAMÉN LLE TRASLADARON A ANA PONTÓN

A portavoz nacional do BNG mantivo diversos encontros na Mariña o pasado 15 de decembro e presentou as Bases Democráticas para Galiza no Conservatorio de Viveiro, ateigado de xente.

A portavoz nacional e portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón visitou A Mariña o pasado venres 15 de decembro para manter diversos encontros con diferentes sectores coa finalidade de analizar as diversas problemáticas que afectan á comarca, reuníndose coa Xunta de Persoal do Hospital da Costa e tamén coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña. Así mesmo mantivo un encontro cos axentes sociais e económicos da comarca para falar das Infraestruturas que a Mariña precisa para o século XXI.

No acto celebrado no Conservatorio de Viveiro, no que participaron moit@s viveirenses, presentáronse as Bases Democráticas para unha nova Galiza. Xunto con Ana Pontón, participaron neste acto a responsable comarcal Ana Ermida, Montse Porteiro, da executiva comarcal, e @s viveirenses Miriam Bermúdez e Seve Salgueiro, que lle plantearon á parlamentaria nacionalista diversas cuestións que afectan á comarca, do mesmo xeito que moitos asistentes ao acto que tamén lle trasladaron as súas inquedanzas, maiormente relacionadas coa sanidade e coa situación de abandono de moitas infraestruturas como as estradas N-642 e N-634, o progresivo desmantelamento de Feve, a falta de compromiso do Estado e da Xunta para acometeren a autovía Barreiros-San Cibrao e rematar o corredor Ferrol-San Cibrao, respectivamente, entre outros moitos casos.



Os asistentes ao acto trasladáronlle a Ana Pontón a súa gran preocupación pola situación en que se atopa a atención sanitaria na comarca da Mariña, desde a implantación da xestión integrada centralizada en Lugo e que agora pode verse agravada coa supresión da Área Sanitaria da Mariña que contempla o Anteproxecto de reforma da Lei de Saúde que pretende aprobar o PP.



“O PP ten unha folla de ruta para privatizar e desmantelar a sanidade pública ameazando un dereito á saúde que levou moito tempo conquistar, e agora esta contrarreforma sanitaria que implica afondar nos recortes de servizos no Hospital da Costa, con categoría de xeral, que presta atención a toda a comarca da Mariña”, indicou Pontón en relación ao proxecto de reforma da Lei de Saúde do Goberno de Feijóo.



A dirixente do Bloque advertiu dos efectos de afastar a prestación sanitaria da poboación, que no caso da Mariña implica “derivación de pacientes ao Hospital de Lugo a 100 quilómetros de distancia como media, o que vai claramente en contra do dereito á saúde da cidadanía, pois o factor proximidade é clave para garantir a calidade”.

“Hai moitos problemas, pero estamos ante un Goberno cuxa única preocupación é desmantelar a sanidade pública a favor de intereses privados que pretenden facer negocio coa saúde das persoas. Hai un descontento crecente, e desde o BNG imos facer unha campaña intensa de información, concello a concello, porta a porta, para frear esta nova estafa que é o roubo da sanidade pública, cando o que se piden son melloras no sistema público de saúde”, indicou. “Imos plantarlle cara a esta contrarreforma traballando man a man co persoal sanitarios, coas plataformas en defensa da sanidade pública, coas persoas afectadas e con todos os colectivos sociais que loiten por un sistema público de saúde de calidade”, recalcou nunha xuntanza na que tamén estivo a deputada por Lugo, Olalla Rodil, e responsables locais e comarcais do Bloque.
Como primeiro paso, Pontón anunciou a presentación dun emenda de devolución a proxecto de reforma da Lei de Saúde de Galiza remitido polo Goberno que, con toda probabilidade, se debaterá no Parlamento a mediados de febreiro.

martes, 21 de novembro de 2017

GALIZA NOVA PARABENÍZASE POLA BOA ACOLLIDA NO CONSELLO ESCOLAR DO CEIP DE CELEIRO DA SÚA PROPOSTA DO CAMBIO DE NOME

Critica ao goberno municipal polo desinterese dunha proposta presentada fai catro meses.

Galiza Nova valora moi positivamente que a súa proposta de cambio de nome de Colexio de Celeiro chegara finalmente a debate no pleno municipal. O pasado 10 de xullo, a organización nacionalista presentaba no Rexistro do Concello de Viveiro e ante os responsables do CEIP de Celeiro, a iniciativa na que expoñía a figura de Pedrosa Latas, personaxe pertencente ao réxime franquista e presidente provincial da Falanxe, e convidaba ao Goberno Local a interesarse polo cambio de nome do colexio de Celeiro, o CEIP Pedrosa Latas, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica e por respecto e dignidade dos milleiros de galegas e galegos represaliados.

A proposta foi respondida e ben acollida polo centro, e o cambio de nome debatiuse no Consello Escolar e no Claustro, nos que foi aprobado. Sen embargo, o Goberno Local de Viveiro nin respondeu á proposta nin se interesou por que un colexio público da localidade leve o nome dun falanxista, polo que o cambio queda pendente da aprobación no pleno. Seve Salgueiro, membro de Galiza Nova indica que: “após de catro meses da presentación da proposta, lamentamos que o goberno local non fixese os deberes e di descoñecer a biografía de Pedrosa Latas, chegando a colocar ao representante do Concello no mesmo Claustro escolar no que se debatía a proposta, sen ter estudado o tema. Semella que eles teñen dúbidas pero Galiza Nova ten moi claro que hai que eliminar calquera homenaxe aos partícipes do franquismo”. 

Se o Colexio de Celeiro leva o seu nome é, indica “por iniciativas levadas a cabo desde un poder gañado coa violencia e a represión, tal como Pedrosa Latas recoñecía ao dicir que lograran “ganar con las armas lo que no consiguieron las razones” o louvando outros réximes como o fascista, chamando a Mussolini “cerebro de Europa”. Ademais ten feito declaracións en contra dos movementos estudiantís, nos que recoñecía que “comienza a correr la sangre” pero que “no es lo mas importante. Lo verdaderamente importante es que en las Claustros universitarios el grito de Viva España va constituyendo ya un delito.”
Seve Salgueiro conclúe manifestando que “agardamos que o Goberno Municipal, aínda que tarde, se interese polo tema e aprobe definitivamente a iniciativa”.

domingo, 12 de novembro de 2017

O BNG DE VIVEIRO PROPONLLE AO GOBERNO DE MARÍA LOUREIRO MEDIDAS PARA CONTRIBUÍR A REBAIXAR O ÍNDICE DE SINISTRALIDADE NA TRAVESÍA DE COVAS, QUE FAVORECEN, AO MESMO TEMPO, Á VECIÑANZA DE COVAS E AO SEU COMERCIO E HOSTALERIA.

O Bng de Viveiro ven de rexistrar no Concello de Viveiro, o venres 10 de novembro, un documento no que  lle propón ao goberno municipal de María Loureiro unha serie de medidas,  á espera da construción da alternativa á estrada LU-862, a tan prometida VAC, que axudarían a rebaixar o índice de sinistralidade na Travesía de Covas, e que favorecerían ao mesmo tempo ao comercio, hostalería e veciñanza de Covas.

 No documento que a formación nacionalista lle fai chegar a alcaldesa de Viveiro inclúese unha exposición de motivos da necesidade  de poñer en marcha medidas coma as que lle propoñen desde o bng de Viveiro e que son basicamente tres:
 1) sinalización dos aparcamentos en espiga na travesía de Covas para que os vehículos estacionados saían de fronte ao víal.
2)  instalación de  luminarias de luz branca fría nos pasos de peóns.
3) posta en marcha dun sistema de xestión de solares privados dispoñibles na zona de Covas para utilizalos como aparcadoiros públicos provisionais, a través do comodato ou préstamo de uso.

A continuación  achégase o documento íntegro da exposición de motivos e medidas propostas polo Bng de Viveiro presentado ao goberno municipal.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A travesía de Covas, pola que cruza a estrada autonómica LU-862 que  une o Vicedo con San Cibrao e discurre pola Mariña Occidental de leste a oeste, soporta un alto índice  de circulación, que se ve incrementado na  época estival e festivos. O elevado número de vehículos que circulan por esta zona fai que se rexistren cada vez de xeito máis habitual notables retencións de tráfico á altura do centro de Covas. Se a isto lle unimos os aparcadoiros en batería “de fronte”, situados nun dos laterais da estrada onde os coches teñen que maniobrar marcha atrás invadindo a estrada, co consecuente risco para a circulación,  está claro que tanto os viandantes, que frecuentan esta zona, coma os vehículos, que teñen que circular por esta travesía, fanno en condicións incómodas e pouco seguras, facendo deste tramo un punto negro tal e como indica a alta concentración de accidentes nos últimos anos.
A formación nacionalista entende que as distraccións dos viandantes e condutores, tal e como asegura a Xunta de Galicia, podan ser unha das posibles causas dos accidentes na Travesía de Covas, pero non desde logo a única,  mais o que ten por seguro esta formación política é que a veciñanza de Covas e os seus visitantes non sufrirían esta situación de inseguridade e perigosidade diaria se o goberno da Xunta de Galicia cumprira cos seus deberes, tal e como levan prometendo nesta Comarca desde hai máis dunha década, e que non son outros que a construcción dunha alternativa á LU-862 denominada como CG-2.3, ou sexa, a tan nomeada  Vía de Alta Capacidade da Costa Norte ou Vía de Altas Prestacións da Costa Norte, proxecto que se plantexara no seu día como unha “compensación” ao trazado final da Transcantábrica (A8) desviada ata a Comarca chairega, deixando ás Comarcas da Mariña Occidental e Ortegal, ata o día de hoxe, cunhas vías de comunicación deficientes e perigosas, con trazados antigos que atravesan numerosos núcleos urbanos, como o da parroquia de Covas.
Según anunciou a Xunta as medidas que ten previstas para  mellorala seguridade vial da estrada autonómica (Lu-862), ao seu paso por Covas, vanse centrar unicamente no reforzo da sinalización e en limitadores de velocidade.
 
Deixando á marxe o silencio premeditado do goberno da Xunta sobre o estado actual da CG-2.3, coa cal se prentendía suplir a estrada LU-862 e sobre a que se lle debería esixir explicacións desde o propio concello, Desde o Bng, sen entrar a valorar as actuacións anunciadas para mellorar a seguridade vial nesta zona, máis alá de entender que as medidas indicadas efectivamente ralentizarán a circulación ao longo da travesía, o que por outra parte van implicar un importante incremento das retencións de tráfico na zona, consideran que son insuficientes as actuacións apuntadas desde a Consellería de Infraestruturas.
 


Á vista do exposto, o Bloque Nacionalista Galego de Viveiro

PROPÓN QUE:

PRIMEIRO.-  o goberno municipal inste á Consellería de Infraestruturas a incluír no Plan de  mellora da seguridade no vial LU-862 á altura de Covas, que ven de anunciar estes días, as obras de sinalización dos aparcamentos en espiga na travesía de Covas para que os vehículos estacionados saían de fronte ao víal, tal e como veñen reclamando os representantes dos hostaleiros e veciñanza de Covas e tal como o recomendan as normas de seguridade, co cal se logrará que haxa menor risco de accidentes porque as/os conductores/a terán maior visibilidade e se mellorará ao mesmo tempo a seguridade das e dos viandantes da zona.

SEGUNDO.- o goberno municipal instale luminarias de luz branca fría nos pasos de peóns, xerando unha luminosidade asimétrica respecto á iluminación da rúa, moito máis cálida. Isto mellora a visibilidade nocturna dos peóns e conductores: aumenta sustancialmente a eficacia da sinalización vertical e horizontal, facéndoa visible a maior distancia e dun xeito máis destacado, o que centra unha maior atención ao conductor.

TERCEIRO.- o goberno municipal  poña en marcha un sistema de xestión de solares privados dispoñibles na zona de Covas para utilizalos como aparcadoiros públicos provisionais, a través do comodato ou préstamo de uso. Medida esta que axudaría á desconxestión do tráfico e á mellora da fluidez da circulación na travesía de Covas,  contribuíndo así, ao mesmo tempo, a rebaixar o grado de sinistralidade nesta zona, á marxe do incremento de prazas de aparcadoiro que  suporía a aplicación desta medida e que favorecería o comercio e hostalaría local de Covas, a súa veciñanza e visitantes.

A experiencia na aplicación deste sistema de xestión, que veñen desenvolvendo desde hai anos concellos como o de Carballo, Ribadeo ou, entre outros, Verín, é positiva e está a dar bos resultados para a veciñanza,  polo que desde o Bng animamos á Alcaldesa a iniciar conversas cos titulares de solares privados dispoñibles na parroquia de Covas para ofrecerlles a posibilidade de  ceder o uso dos seu solares ao concello, a través dun contrato comodato (artigo 1932 CC), co único obxecto de acondicionalos como aparcadoiros públicos e así aumentar os espazos de estacionamento na zona centro de Covas e desconxestionar a travesía de Covas. Contrato co que, a súa vez,  o titular quedaría liberado de pagar calquera gasto de conservación do ben, así como as subministracións e tributos do ben cedido, polo uso e proveito do Concello, así como calquera outro gasto de comunidade ou inherente ao seu uso e conservación, podendo ademais o titular recuperar o ben cedido no prazo acordado polas partes.


 

 

 

 

 


 

 

 

 

 




















venres, 13 de outubro de 2017

O BNG de Viveiro demanda ao goberno municipal un plan de actuación ambiental na contorna do paseo fluvial do río Landro para a protección da súa flora e fauna

O BNG de Viveiro  anuncia que van demandarlle ao goberno muncipal a posta en marcha dun Plan de actuación ambiental na contorna do paseo fluvial do río Landro, axeitado a criterios respectuosos coa natureza, para asegurar unha protección especial da flora e fauna deste espazo natural.
Os nacionalistas denuncian que o ecosistema fluvial que conforma o  paseo fluvial do río Landro, incluído na Rede Natura 2000 e na Zona de Especial Conservación (ZEC), está sufrindo o crecemento e expansión de especies foráneas e invasoras, principalemente eucaliptos e  cortadeiras selloanas,  ou máis coñecidas popularmente como “plumachos”,  co consecuente perigo e ameaza que isto supón para ás árbores autóctonas e a  biodiversidade deste espazo de especial conservación.
Os membros da organización frontista demandan unha actuación urxente neste espazo natural  e propóñenlle á alcaldesa socialista, María Loureiro, o a posta en marcha dun Plan de actuación ambiental na contorna do paseo fluvial do río Landro que inclúa, nunha primeira fase, as seguintes actuacións:
·        A identificación das especias invasoras existentes e sobre as cales é posible actuar.
·        A tala controlada dos eucaliptos identificados e a eliminación, polos medios axeitados, dos plumachos así coma de todas as demais especies invasoras.
·        A repoboación da zona con árbores autóctonas propias da ribeira.
·        O estudo e catalogación das especies de flora e fauna desta contorna para poñer en valor a súa biodiversidade e dar a coñecer o o seu alto valor ecolóxico, promovendo a súa conservación e protección.
·        O seguimento e control ambiental da zona

mércores, 19 de xullo de 2017

O BNG VIVEIRENSE SAÚDA A “SINALIZACIÓN DE VIVEIRO” NALGUNHA DAS SAÍDAS DA A8 RECLAMADAS, A TRAVÉS DO CONCELLO, DESDE O BNG, COLECTIVOS EMPRESARIAIS E ENTIDADES VECIÑAIS E ANIMA AO MINISTERIO DE FOMENTO A CONTINUAR TRABALLANDO NA SINALIZACIÓN DO MUNICIPIO NAS RESTANTES SAÍDAS DA A6 e A8 SOLICITA­­DAS


O Ministerio de Fomento comezou a sinalizar o municipio de Viveiro  nalgunha das saídas da autovía A8 reclamadas polo concello a instancia dunha iniciativa impulsada polo BNG de Viveiro e promovida por unha vintena de colectivos e entidades veciñais e empresariais do municipio.

 Viveiro, 19 de xullo de 2017.-  

O BNG de Viveiro felicita a todos os colectivos empresariais e entidades veciñais e sindicais que promoveron a iniciativa impulsada pola organización nacionalista para reclamar a sinalización vertical de Viveiro nas saídas das autovías do Noroeste (A6) e do Cantábrico (A8), así como tamén quere trasladar esta felicitación a alcaldesa e ao concello de Viveiro por apoiar esta iniciativa colectiva, aprobando por unanimidade unha moción para instar ao Ministerio de Fomento a sinalización do municipio de Viveiro. Desde o BNG tampouco se olvidan de todas aquelas persoas que participaron na campaña de apoio á sinalización de Viveiro nas redes e que contribuíron tamén coas súas fotos a darlle a volta a esta situación de agravio e o esquecemento que está a sufrir Viveiro.

A sinalización vertical de Viveiro que Fomento ven de incluír na saída 524 da Autovía do Cantábrico A8 (dirección Vilalba / Coruña) é unha das solicitadas ao Ministerio de Fomento, a Unidade de Estradas do Estado en Lugo e á Subdelegación de Goberno na moción consensuada con todos os colectivos e aprobada polo concello e, aínda que sí é certo que faltan en 5 das saídas reclamadas, o Bng espera que Fomento continúe coa sinalización de Viveiro e remate nun curto prazo de tempo estes traballos que están seguras, desde a organización nacionalista, vai facilitar  a orientación das condutoras e condutores e vai conseguir que esa falta de sinalización deixe de provocar confusión nos viaxeiros e viaxeiras á hora de buscar a ruta máis accesible cara a Viveiro.

Desde o BNG de Viveiro queren aproveitar para animar as súas veciñas e veciños a unirse e a sumar forzas para saír do aillamento no que nos mantén o goberno de Feijoo e reclamarlle a execución das obras, tantas veces prometidas e desde hai tantos anos, da VAC ao seu paso por Viveiro para a súa conexión coa rede de estradas de altas prestacións e de infraestruturas viarias de conexión exterior  que precisa imperiosamente o noso concello para non continuar perdendo peso económico e poboacional e ter a oportunidade de futuro que unha vila como Viveiro e a súa veciñanza se merecen, e pon como exemplo de acción colectiva esta iniciativa sobre a sinalización da vila viveirense.