Os asistentes expuxeron á Viceportavoz nacionalista a preocupante situación vivida a raíz do cambio do trazado da variante de Viveiro, anunciado pola Xunta de Feijoo no ano 2010, e que suporá partir a parroquia de Magazos polo medio e medio e a demolición de vivendas e inmobles. Lamentaron o silencio e o menosprecio sufrido por parte da Xunta e a falta de interese do executivo do PP por buscar daquela unha solución intelixente (como di agora o Presidente Feijoo) para Viveiro e os veciños de Magazos.
O BNG cre que o concello de Viveiro e os veciños de Magazos foron utilizados polo goberno de Feijoo como chivos expiatorios, posto que é evidente que o desacordo no cambio de trazado da variante que afectaba a un tramo de Magazos de 2,6 quilómetros non era un impedimento para a licitación dos tramos dos 19 quilómetros restantes da VAC de Viveiro, máxime cando o proxecto desta variante contaba con dotación orzamentaria tal e como anunciaran en diversas ocasións. Está claro que o goberno de Feijoo creou no 2010 un problema onde non o había e está claro que agora no 2017, ao non ter xa recurso xudicial pendente no que escudarse, parece seguir querendo hipotecar o futuro de Viveiro e o d@s viverenses/as manténdoos desconectados do progreso e aillados do resto da Mariña en tanto el e o seu goberno estudan presentar 5 ou 6 novas alternativas a un tramo, dun trazado, dunha VAC que nunca acaba de facerse realidade.
A deputada nacionalista, Olalla Rodil, informoulles que o BNG, a través do seu grupo parlamentar, presentará unha serie de preguntas tanto en comisión parlamentaria como en pleno sobre a disponibilidade orzamentaria para a licitación da VAC de Viveiro no 2017 e prazos de execución que manexa o executivo de Feijoo para esta variante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario