A SANIDADE, UNHA PREOCUPACIÓN QUE OS VIVEIRENSES TAMÉN LLE TRASLADARON A ANA PONTÓN
A portavoz nacional do BNG mantivo diversos encontros na Mariña o pasado 15 de decembro e presentou as Bases Democráticas para Galiza no Conservatorio de Viveiro, ateigado de xente.
A portavoz nacional do BNG mantivo diversos encontros na Mariña o pasado 15 de decembro e presentou as Bases Democráticas para Galiza no Conservatorio de Viveiro, ateigado de xente.
No acto celebrado no Conservatorio de Viveiro, no que participaron moit@s viveirenses, presentáronse as Bases Democráticas para unha nova Galiza. Xunto con Ana Pontón, participaron neste acto a responsable comarcal Ana Ermida, Montse Porteiro, da executiva comarcal, e @s viveirenses Miriam Bermúdez e Seve Salgueiro, que lle plantearon á parlamentaria nacionalista diversas cuestións que afectan á comarca, do mesmo xeito que moitos asistentes ao acto que tamén lle trasladaron as súas inquedanzas, maiormente relacionadas coa sanidade e coa situación de abandono de moitas infraestruturas como as estradas N-642 e N-634, o progresivo desmantelamento de Feve, a falta de compromiso do Estado e da Xunta para acometeren a autovía Barreiros-San Cibrao e rematar o corredor Ferrol-San Cibrao, respectivamente, entre outros moitos casos.
“O PP ten unha folla de ruta para privatizar e desmantelar a sanidade pública ameazando un dereito á saúde que levou moito tempo conquistar, e agora esta contrarreforma sanitaria que implica afondar nos recortes de servizos no Hospital da Costa, con categoría de xeral, que presta atención a toda a comarca da Mariña”, indicou Pontón en relación ao proxecto de reforma da Lei de Saúde do Goberno de Feijóo.
“Hai moitos problemas, pero estamos ante un Goberno cuxa única preocupación é desmantelar a sanidade pública a favor de intereses privados que pretenden facer negocio coa saúde das persoas. Hai un descontento crecente, e desde o BNG imos facer unha campaña intensa de información, concello a concello, porta a porta, para frear esta nova estafa que é o roubo da sanidade pública, cando o que se piden son melloras no sistema público de saúde”, indicou. “Imos plantarlle cara a esta contrarreforma traballando man a man co persoal sanitarios, coas plataformas en defensa da sanidade pública, coas persoas afectadas e con todos os colectivos sociais que loiten por un sistema público de saúde de calidade”, recalcou nunha xuntanza na que tamén estivo a deputada por Lugo, Olalla Rodil, e responsables locais e comarcais do Bloque.
Como primeiro paso, Pontón anunciou a presentación dun emenda de devolución a proxecto de reforma da Lei de Saúde de Galiza remitido polo Goberno que, con toda probabilidade, se debaterá no Parlamento a mediados de febreiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario