Colaboracións


"O 13 de decembro so é válido o voto que axude a cicatrizar as feridas da barbarie sanguinaria da ditadura franquista e axude a pechar unha páxina das máis negras da historia do noso país"

 

10-11-2017

Por un nome digno para o Centro de Ensino Público de Celeiro. Fóra nomes falanxistas dos nosos colexios.
 
“…Entonces comenzó la era del terror: el orden establecido por la voluntad común de España fue asaltado por las fuerzas inertes armadas de los nacionalistas, por las hordas sangrientas de los falangistas. Nos extrañamos cuando después del 18 de julio oíamos decir: "Hoy va a haber limpieza". La realidad de esta frase es que la organización de la Falange, a determinadas horas de la noche, iba en camiones requisados a buscar a los trabajadores en sus casas. Los falangistas llevan en una mano una cruz y en la otra una pistola que descargan en el momento en que hacen arrodillar a los trabajadores preguntándoles si creen en Dios. Matan así a muchos maestros, obreros y médicos…”

Sra. Alcaldesa de Viveiro, a única verdade é esta. A morte e o horror sufrido polo pobo galego a mans dos sanguinarios e cómplices do réxime golpista de Franco e que con tanta dor e fiel reflexo narrou a pintora viveirense Maruxa Mallo no ano 38 no Relato veraz de la realidad de Galicia, publicado en 4 artigos en  La Vanguardia

“...Mientras los curas hablan de política desde los púlpitos, la cruz es otro signo de terror, otra arma que empuña el mando negro y sangriento. Al mismo tiempo que cuelgan a Cristo en las paredes de las escuelas, aparecen por los montes, las carreteras y las playas, los cadáveres de los maestros...” 

 Sra. Alcaldesa no pleno do 13 de decembro xa non serven as medias tintas nin serve poñerse de perfil nun intento de eludir a responsabilidade que ten que ter un goberno valente, a pesares das presións que poda estar recibindo por parte dalgún sector empeñado en manter no olvido o sangue derramado de milleiros de inocentes  e empeñado en seguir insultando e degradando a memoria d@s galeg@s represaliad@s. Non. A  abstención do seu grupo non é unha opción válida que serva para facer xustiza e devolver a dignidade a milleiros de galegas e galegos  saquead@s, torturad@s e/ou asesinados impunemente polas  forzas franquistas. Vostede sabe que o único voto válido é o voto da xustiza e do cumprimento da legalidade que axude minimamente a paliar o dano e sufrimento do pobo galego e a devolverlle a dignidade ás galegas e galegos vítimas do terror franquista, moitas delas veciñas e veciños de Viveiro. O 13 de decembro so é válido o voto que axude a cicatrizar as feridas da barbarie sanguinaria da ditadura franquista e axude a pechar unha páxina das máis negras da historia do noso país. Ese é o voto  que, sabe ben vostede, avalará o BNG. Porque é o voto que porá fin a un símbolo de represión, tortura e  morte e que dará paso a escolla dun nome realmente digno do Colexio de Ensino Público de Celeiro, e que desde o BNG  animamos a que se impulse desde o propio concello a escolla dun nome de muller, porque como moi ben di o Observatorio da Mariña pola Igualdade: “en Viveiro existen exemplos de mulleres que serían dignas representantes e valedoras dos principios educativos do CEIP”
 



 
Seve Salgueiro (Enxeñeiro)
Os obxectivos que pretendemos alcanzar son moi valiosos: calidade medioambiental, mellores expectativas de futuro, maior desfrute para veciños e visitantes, prevencion de lumes, inculcar o respecto pola natureza.Uns obxetivos polos que merece a pena loitar.


10-11-2017
 
A RECUPERACIÓN AMBIENTAL E PAISAXÍSTICA DE VIVEIRO. PASEO FLUVIAL DO LANDRO.
A oportunidade perdida e o desinterés amosado polos gobernos do PP e PSOE pola recuperación ambiental e paisaxística da contorna do río Landro, comezou hai máis de 17 anos cando o Ministerio de Medio Ambiente publica o 2 de agosto do ano 2.000, a licitación para a redacción do proxecto “Recuperación das marismas do Landro”, cun orzamento de 68.365,13 € a realizar en 6 meses. Tras a recepción e exposición pública do proxecto polo Concello de Viveiro, a oposición recibe con bos ollos a proposta, pero xurden as primerias críticas cara o proxecto.
O Portavoz municipal por aquel entón do BNG de Viveiro, Paco Luís Rodríguez Guerreiro,
envía o 25 de setembro de 2.001 unha serie de alegacións intentando poñer unha maior cordura e racionalide ao citado proxecto. O texto dirixido ao Ministerio de Medio Ambiente, solicita nun primeiro punto que se priorice a recuperación integral do río Landro, dende o Xistral ata a ría. Dado o ambicioso da actuación proposta polo Ministerio, cun gran investimento económico, solicita que unha parte se adique a garantir “as suas fontes no Xistral, impedindo que as minicentrais hidroeléctricas destraguen o río, eliminando os recheos nas suas marxes, suprimindo a plantación de eucaliptos, limpando o seu cauce e as suas marxes e actuar en definitiva para que o Landro volva ser nabegábel como fai anos.”
Nos seguintes puntos, solicita que o camiño se realice con terra ou zahorra, máis barato (impoñendo a racionalidade en épocas de bonanza) e que facilitará o transito para sillas de bebés ou bicicletas; e que se “estude a creación dun circuito para praticar deporte ao ar libre”
Tamén o PSOE, liderado por Ricardo G. Placer, reclamará días despois a supresión dos verquidos e un maior estudo da fauna e flora xa que, “quédase nunha presentación, enumerando flora e fauna, pero sen decir como conservala”.
As alegacións caerán en saco roto e o proxecto será aprobado sen modificacións. O PP saca o “rolo” da maioría absoluta no Concello e no Estado, e as alegacións non serán respostadas polo Ministerio dirixido por Jaume Matas nun inicio, nin Elvira Rodríguez posteriormente. E iso que Elvira Rodríguez  tivo varias oportunidades para pronunciarse, pois veranea asiduamente no noso Concello.
O 25 de outubro de 2.002 celebraráse un Pleno no Concello de Viveiro, no que se procederá a dar conta das expropiacións necesarias para a execución do sendeiro. O BNG lembra que presentou alegacións ao perante o proxecto e a Consellería de Medio Ambiente, e máís dun ano depois seguen sen resposta. Pero todo segue adiante.
O proxecto efectuarase en dúas fases: o 9 de decembro de 2.002 adxudícase a primeria fase a “Abeconsa” por un importe de 1.874.577,64 € e a fase II adxudicarase o 31 de maio de 2.005 a “Construccines Mon” en 1.009.093,59 €, xa co PSOE gobernando no Concello e no Estado.
En total, case 3 millón de euros invertidos nunha actuación cun título, “Recuperación das mariasmas do Landro”, moi prometedor pero, cánto mellor estaría se atendésemos as peticións do BNG! Polos materiais empregados hai tramos incómodos para un paseo en bicicleta, incompatible co uso dunha cadeira de rodas e perigoso para persoas con dificultades na mobilidade, os veciños de Landrove seguen a sufrir inundacións pola mala limpeza do río e os recheos...
 A situación, nalgún caso, non só non mellorou senón que empeorou. Non poñer límite ao eucalipto no seu momento, como o concelleiro Paco Luís reclamaba, non fixo senón aumentar a súa presenza pola forte capacidade invasora que ten. Imaxinade, por un momento, un sendeiro a beira do marabilloso Landro, hoxe cheo de carballos, castiñeiros, ameneiros, salgueiros... maduros, con agora máis de 15 anos.
Unha actuación incompleta e mellorable, e máis dunha década de pouca preocupación polo valor ambiental do entorno, levounos a que hoxe vexamos grandes masas de eucalipto na mesma beira do río, incluso nas propias marismas, ademáis de grandes manchas do perigosísimo plumacho.
O pasado venres 13 de outubro de 2.017, o BNG de Viveiro presentou unha solicitude ao goberno local esixindo un Plan de actuación ambiental na contorna do Río Landro. Hai que facer algo urxente. A situación do eucalipto na Galiza, e na Mariña en particular, é insostible. O plumacho xa é incontrolable nalgúns concellos. Mellor reaccionar tarde que non facelo, pese a levar tempo denunciándoo.
Mais o “Plan de actuación ambiental na contorna do río Landro” debe ser o inicio de unha actuación máis ambiciosa. Urximos á Concellería de Medio Ambiente e Xunta de Galiza a actuar noutras zonas críticas do Concello, como zonas costeiras, beiras dos ríos, fragas,... e a un verdadeiro plan para o monte e o rural. O BNG leva tempo denunciando esta situación na Xunta, ignorada polo goberno do PP, con consecuencias nefastas como as catastróficas vagas de lumes e abandono do rural. Moitos concellos estan a tomar nota: algúns son “alumnos adiantados”; outros empezan a tomar conciencia e os últimos da clase semella que aínda non se enteraron ou semella que nos lles preocupa.
Entre os Concellos que xa levan un tempo traballando na recuperación medioambiental temos ao de Ribadeo: foi en decembro de 2.014 cando o alcalda da vila, Fernando Suárez (BNG), anunciou a supresión do eucalipto nas beiras da ría, no entorno de Vilavella e As Aceas, e posterior plantación de carballos, acivros e loureiros; contando cunha pequena axuda da Consellería de Medio Ambiente (http://praza.gal/movementos-sociais/8460/ribadeo-substitue-os-eucaliptos-da-beira-da-ria-por-especies-autoctonas). Ademáis anunciou a recuperación dun muíño de mareas, como que que existe na zona de Xunqueira en Viveiro, en estado de semiabandono. A finais de 2.016 anunciou unha segunda fase na recuperación da zona, dotada con 20.000€ (http://ribadeo.gal/actualidade/nova.php?id=2269&lg=gal). Por suposto, o traballo da os seus froitos. Tras varios anos coneste proxecto realizado con fondos propios e pequenas axudas da Xunta, en outubro de 2.017, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Oviedo e Concello, impulsan o proxecto “Life fluvial” da dotados con 3 millóns de euros financiados nun 75% pola Unión Europea, que permitirá nos vindeiros anos levar a cabo actuación de protección na ribeira da ría e supresión de especies invasoras.
No grupo de concellos que comezan a tomar nota da problemática, podemos incluír ao Concello de O Grove, que en maio de 2.017 proclamouse “Concello libre de eucaliptos”co apoio do PSOE e BNG e abstención do PP. Outro concello que se esta a tomar en serio o problema das invasoras e o Concello de Tomiño, gobernado polo BNG, donde este ano 2.017 realizou a segunda fase para a supresión de especies invasoras na contorna no Miño. Ou o Concello de Oleiros, que ten declarada a “guerra ao plumacho”.
Desgraciadamente, o Concello de Viveiro hai que incluílo no último grupo: o de Concellos que non lles preocupa o asunto. Ou se lles preocupa, non fan nada, que é peor. E aquí o noso desexo a que a situación cambie, que se atendan as nosas peticións, se tome en serio o asunto e se traballe nel. Xa deixamos varios exemplos como con vontade e traballo duro é posible. A situación é mala, a solución lenta e moi laboriosa (necesidade de acordos con numerosos veciños, permisos,...). Pero o obxetivo é moi valioso: calidade medioambiental, mellores expectativas de futuro, maior desfrute para veciños e visitantes, prevencion de lumes, inculcar o respecto pola natureza... Uns obxetivos polos que loitar.

 
Olalla Rodil (BNG-Nós Candidatura Galega) “Nós só nos debemos a Galiza”


24-06- 2016

Olalla Rodil, cabeza de lista  do BNG-Nós Candidatura Galega ao congreso dos deputados pola provincia de Lugo nas xerais do vindeiro 26X, naceu en Ribeira de Piquín. É xornalista de profesión e actualmente exerce de redactora de Sermos Galiza.

Sendo unha das candidatas máis novas do país é case obrigado preguntarche que medidas esixirás que se adopten no Parlamento español, se saes elexida deputada do BNG, para cortar a sangría da emigración entre a mocidade galega, unha sangría que se fai máis patente nas provincias de  Lugo -entre elas A Mariña- e na de Ourense?

O problema gravísimo da  emigración xuvenil que estamos a padecer nos últimos anos é para o BNG, unha cuestión vital, porque nin a Mariña nin o conxunto do pais pode seguir soportando a imparable sangría de mozas e mozos, onde as taxas de emigración entre os menores de 35 anos son elevadísimas. Neste sentido queremos traballar para freala, revertendo, ao mesmo tempo, dous problemas que tamén sofren fundamentalmente as provincias de Lugo e Ourense, que son a crise demográfica e o avellentamento da poboación.

E que propostas  concretas defende o BNG- Nós Candidatura Galega?

Ben, para darlle solución a esta tripla problemática á que nos enfrentamos temos que garantir unha vida digna no rural e unha aposta política decidida polos nosos sectores produtivos que ven limitada a súa potencialidade por decisións políticas impostas desde Madrid e/ou Bruxelas, esixindo a posta en marcha de medidas urxentes, tales como son a intervención pública dos prezos do leite para aumentar os prezos aos gandeiros/as  e asegurando cotas de capturas para a frota galega e a recuperación de bancos marisqueiros. Temos que traballar a prol dunha Política ambiental como un dos motores do noso desenvolvemento económico, esixindo o saneamento das nosas rías e o traspaso a Galiza das competencias sobre planificación e xestión das costas, portos e cuncas hidrográficas para poder darlle solución a problemas como os que está a padecer a Praia de Covas.

E logo están as infraestruturas, non?

 Claro, temos que traballar a prol dunha política de infraestruturas que serva para dinamizar a nosa economía e xere emprego. Non pode ser que o goberno español de turno non estea a altura das demandas socias e económicas da poboación mariñá e do seu sector empresarial que se ve resentido á causa do lamentable estado das estradas de competencia estatal N634 e N642. Nós esixiremos, unha vez máis,  a reparación integral destas estradas e non con simples parches e pediremos unha solución definitiva para un trazado erróneo, deseñado e executado polos gobernos do Psoe e do PP, como é o da A8 entre Lourenzá e Mondoñedo, pero que agora sofrimos todas as usuarias e usuarios da zona. Temos que recordar que tamén Lugo en materia ferroviaria é a eterna esquecida. É a única provincia practicamente sen tren. Non estamos nin conectados coa capital de Galiza. Por iso, seguiremos reclamando as competencias en materia de transporte para poder deseñalas de acordo coas necesidade da nosa poboación.

Como axudaría a presencia do BNG no Parlamento español a frear á destrución e desmantelamento do tecido empresarial (Alcoa, Conservas Alonso, Mobles Hermida…) que ameaza o futuro da Comarca? 

Necesitamos unha política enerxética propia para o desenvolvemento do autoconsumo e das enerxías renovábeis, e en particular a enerxía eólica, para que as empresas vexan Galiza como unha oportunidade para instalarse e xerar emprego, contando cunha enerxía sustentábel e cun prezo real e propio en Galiza. O noso país é excedentaria en producción de enerxía. Non se entende que pague o mesmo unha familia ou empresa asentada en Galiza que unha en Madrid, cando esta, apenas ten produción e vese na obriga de transportar case toda a súa enerxía. Polo que esixiremos unha Tarifa eléctrica galega.

Nos últimos anos, tamén os traballadores e traballadoras da Mariña ven como lles costa, cada vez  máis, chegar a fin de mes, como os seus salarios merman e se precarizan os traballos. Cales serán as medidas que o BNG esixirá no Parlamento español?

Témolo clarísimo: pediremos a derrogacións das últimas reformas laboráis do Psoe e PP. Propoñeremos aprobar un aumento do salario mínimo a 900 € en tres anos. Esixiremos medidas de control da contratación fraudulenta por empresas de traballo temporal e a través de falsos autónomos. Propoñeremos un novo sistema de protección do desemprego que asegure a prestación a todas as persoas sen emprego e reforzo do financiamento dos sistemas de pensións. Como se pode facer isto? A través da revisión a fondo do modelo fiscal para gravar os grandes patrimonios e empresas e acentuar a progresividade do IRPF, rebaixando os tipos do IVE, que garanta que os productos básicos tributen no tramo máis baixo e esixir a implantación dun tipo especial para os productos de luxo ao 35% e, por suposto, esixiremos a aplicación de medidas efectivas de loita contra a fraude e evasión fiscal e loita activa contra os paraísos fiscais.

Xa para rematar, Porque cre que as deputadas e deputados do BNG no Parlamento español defenderían  mellor que calquera outro partido político os intereses das e dos viveirenses?


Porque nós debémonos só a Galiza, non somos complemento nin apéndice de ningún partido estatal e porque, ademais, temos medidas e alternativas reais para o presente e futuro de Galiza e porque as deputadas e deputados do BNG non estamos atadas a ninguén, porque non asinamos ningún contrato,  salvo con Galiza, sendo o noso único compromiso coas galegas e galegos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario