mércores, 3 de maio de 2017

PARTICIPANTES NA LOITA CONTRA A NUCLEAR DE XOVE, PRINCIPAIS PROTAGONISTAS DOS ACTOS CONMEMORATIVOS ORGANIZADOS POLO BNG CON MOTIVO DO 40ª ANIVERSARIO DA Iª MARCHA ANTINUCLEAR DE XOVE

O Bloque Nacionalista Galego ven de organizar, esta última fin de semana de abril, dous actos conmemorativos en Xove e Viveiro, en homenaxe ás mulleres e homes que en pleno postfranquismo, amosaron a súa dignidade e, mobilizadas polo nacionalismo galego, foron quen de frear a construción dunha central nuclear no concello de Xove.

Os actos deron comezo ás 12.30h. en Ceranzos (Xove) co descubrimento dunha placa “en homenaxe á veciñanza movilizada pola dignidade dun pobo e dunha terra”. Durante este acto Xosefa Domínguez, interviu para recordar aos seus veciños Antonio López, Guillermo Rguez., Manuel Fdez. e Dolores Lage, que participaran na loita contra a nuclear, así persoas que lles axudaron naquela loita, como os líderes agrarios Emilio López “Milucho” e Antonio Oca, presentes no acto e que falarían máis tarde, Xulia, Pencha, África, ou o cura das encrobas “que o mataron dunha tunda que lle deron en Baldaio”: dixo a homenaxeada, que tamén tivo un especial recordo para o seu pai, José María Domínguez, que asegurou ser o maior defensor da loita contra a central.

No seu turno de intervención, Antonio Oca, lembrou a implicación dos Comités de Axuda á loita labrega e de asociacións culturais como Sementeira de Viveiro, destacando nesta loita antinuclear o papel das mulleres que foron as verdadeiras protagonistas, tanto entre a veciñanza como nos comités de axuda.

Por outra banda, a responsable Comarcal do BNG na Mariña, Ana Ermida, tamén sinalou que as mulleres da parroquia foran as que iniciaran esta loita e asegurou que este movemento veciñal demostraba que un pobo organizado e unido é capaz de facerse valer, incluso por enriba das presións sufridas naqueles tempos.

A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, pola súa parte, destacou que detrás da loita de Xove hai unha unidade popular galega, que foi o primeiro xermolo do nacionalismo, que tiña unha grande capacidade de movilización social e que estivo traballando ao lado do pobo, conseguindo con esta loita uns resultados fructíferos…Unha central nuclear en Xove, sería a morte desta zona tal como a coñecemos, o expolio da nosa terra e o abuso constante que seguimos vendo hoxe coas grandes empresas que utilizan os nosos recursos e non deixan nada no noso país.

Xa pola tarde, a Portavoz Nacional do BNG, logo dun xantar con protagonistas da histórica loita, militantes e simpatizantes, acompañada pola deputada parlamentar por Lugo, Olalla Rodil e o deputado provincial, Antonio Veiga, desprazáronse ata Viveiro para participar no acto inaugural da exposición Lembrando Xove Nuclear Non”. Exposición que estará aberta ata o 3 de maio e que está situada na planta baixa da biblioteca municipal.

Durante a presentación deste acto Seve Salgueiro, membro da xestora do BNG de Viveiro, aproveitou para agradecerlle á familia de Xosefa Domínguez, Manuel Miranda, Paco Luis e África Jiménez a súa colaboración por poñer a disposición do BNG de Viveiro material gráfico da súa propiedade sobre as movilizacións contra a nuclear de Xove: fotografías, carteis, documentos oficiais, libros, pegatinas, documental, pancarta, etc. e que fixeron posible que esta Mostra gráfica da loita veciñal antinuclear poda ser visitada e coñecida polo público.  Neste acto interviron o activista cultural viveirense, Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, que fora membro da agrupación cultural Sementeira e que lembrou durante a súa intervención que xa desde o anuncio na revista Kilowatio de Fenosa da instalación da Central Nuclear en Xove, no ano 73, impulsáranse numerosos actos informativos e mesas redondas coma a que organizara Sementeira no nadal do ano 74 na que participara, entre outros expertos,  o economista e profesor da USC, Ramón López Suevos, presente no acto e cuxa intervención sorprendeu e emocionou a todos as/os asistente ao acto inaugural desta inédita exposición, que pasadas as 19.00 h., foi clausurada por Ana Pontón Mondelo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario