luns, 18 de decembro de 2017

ANA PONTÓN PRESENTA AS BASES DEMOCRÁTICAS DO BNG EN VIVEIRO

A SANIDADE, UNHA PREOCUPACIÓN QUE OS VIVEIRENSES TAMÉN LLE TRASLADARON A ANA PONTÓN

A portavoz nacional do BNG mantivo diversos encontros na Mariña o pasado 15 de decembro e presentou as Bases Democráticas para Galiza no Conservatorio de Viveiro, ateigado de xente.

A portavoz nacional e portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón visitou A Mariña o pasado venres 15 de decembro para manter diversos encontros con diferentes sectores coa finalidade de analizar as diversas problemáticas que afectan á comarca, reuníndose coa Xunta de Persoal do Hospital da Costa e tamén coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña. Así mesmo mantivo un encontro cos axentes sociais e económicos da comarca para falar das Infraestruturas que a Mariña precisa para o século XXI.

No acto celebrado no Conservatorio de Viveiro, no que participaron moit@s viveirenses, presentáronse as Bases Democráticas para unha nova Galiza. Xunto con Ana Pontón, participaron neste acto a responsable comarcal Ana Ermida, Montse Porteiro, da executiva comarcal, e @s viveirenses Miriam Bermúdez e Seve Salgueiro, que lle plantearon á parlamentaria nacionalista diversas cuestións que afectan á comarca, do mesmo xeito que moitos asistentes ao acto que tamén lle trasladaron as súas inquedanzas, maiormente relacionadas coa sanidade e coa situación de abandono de moitas infraestruturas como as estradas N-642 e N-634, o progresivo desmantelamento de Feve, a falta de compromiso do Estado e da Xunta para acometeren a autovía Barreiros-San Cibrao e rematar o corredor Ferrol-San Cibrao, respectivamente, entre outros moitos casos.



Os asistentes ao acto trasladáronlle a Ana Pontón a súa gran preocupación pola situación en que se atopa a atención sanitaria na comarca da Mariña, desde a implantación da xestión integrada centralizada en Lugo e que agora pode verse agravada coa supresión da Área Sanitaria da Mariña que contempla o Anteproxecto de reforma da Lei de Saúde que pretende aprobar o PP.



“O PP ten unha folla de ruta para privatizar e desmantelar a sanidade pública ameazando un dereito á saúde que levou moito tempo conquistar, e agora esta contrarreforma sanitaria que implica afondar nos recortes de servizos no Hospital da Costa, con categoría de xeral, que presta atención a toda a comarca da Mariña”, indicou Pontón en relación ao proxecto de reforma da Lei de Saúde do Goberno de Feijóo.



A dirixente do Bloque advertiu dos efectos de afastar a prestación sanitaria da poboación, que no caso da Mariña implica “derivación de pacientes ao Hospital de Lugo a 100 quilómetros de distancia como media, o que vai claramente en contra do dereito á saúde da cidadanía, pois o factor proximidade é clave para garantir a calidade”.

“Hai moitos problemas, pero estamos ante un Goberno cuxa única preocupación é desmantelar a sanidade pública a favor de intereses privados que pretenden facer negocio coa saúde das persoas. Hai un descontento crecente, e desde o BNG imos facer unha campaña intensa de información, concello a concello, porta a porta, para frear esta nova estafa que é o roubo da sanidade pública, cando o que se piden son melloras no sistema público de saúde”, indicou. “Imos plantarlle cara a esta contrarreforma traballando man a man co persoal sanitarios, coas plataformas en defensa da sanidade pública, coas persoas afectadas e con todos os colectivos sociais que loiten por un sistema público de saúde de calidade”, recalcou nunha xuntanza na que tamén estivo a deputada por Lugo, Olalla Rodil, e responsables locais e comarcais do Bloque.
Como primeiro paso, Pontón anunciou a presentación dun emenda de devolución a proxecto de reforma da Lei de Saúde de Galiza remitido polo Goberno que, con toda probabilidade, se debaterá no Parlamento a mediados de febreiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario