martes, 24 de xaneiro de 2017

Por que Brisa Nova?


Antón Vilar Ponte escribiu nun dos seus artigos autobiográficos que o primeira colaboración súa posta en letras de molde foi nun semanario de Viveiro que levaba o nome de Nueva Brisa. Era—dí Antón—un artigo escrito en “defensa do proletariado”.

Este xornal,  que segundo o cronista Donapetry foi  fundado no 1899 “por un grupo de mozos que con anterioridade tiñan publicado algún números nanuscritos”, tivo moi curta vida como lembra outro xornal da vila, o conservador  El Eco: “ Nueva Brisa morreu despois de soplar 16 veces en dous meses e pico. Séxalle a terra pesada”.

Metidos de cheo nesta andaina dixital  e   despois de ter publicado nos anos noventa o xornal Penedo do Galo, voltamos no BNG de Viveiro  a contar cun novo voceiro, desta vez en formato blogue  e que decidimos titular— como homenaxe a Antón Vilar Ponte e tamén como anuncio dunha nova  travesía pola Rede—Brisa Nova.

Así que aquí estamos. Intentando recuperar o que nos foi roubado por aqueles que  queren –tamén en palabras de Antón Vilar Ponte— “camiñar de presa” e que só actúan  no seu propio beneficio facendo uso duhas actas que non lles pertencen. Nós no BNG de Viveiro facemos nosas as últimas liñas do artigo onde o nacionalista viveirés escribía sobre os que camiñaban de presa: 

“…Unhas actas pescadas neste río revolto, turbio, non serán  as actas galeguistas que precisamos. E a semente xurdia é a que , os nazonalistas andamos a botare no corazón dos mociños que inda “non teñen voto” e na ialma virxe dos meniños que “han tardaren moitos anos en telo”.

Longa vida a Brisa Nova!

Ningún comentario:

Publicar un comentario