luns, 23 de xaneiro de 2017

VECIÑOS AFECTADOS POLO CAMBIO DE TRAZADO DA VARIANTE DA VÍA DE ALTAS PRESTACIÓNS COSTA NORTE AO SEU PASO POR MAGAZOS REUNÍRONSE COA DEPUTADA PARLAMENTAR, OLALLA RODIL E MEMBROS DO BNG DE VIVEIRO E DA EXECUTIVA COMARCAL.

Veciños de Magazos, integrantes da Plataforma da Variante de Magazos, reunironse o pasado día 20 de xaneiro coa viceportavoz parlamentar, a nacionalista, Olalla Rodil, membros do BNG de Viveiro e da Comarca da Mariña. Nesta xuntanza os afectados polo cambio de trazado da variante da vía de altas prestacións Costa Norte, ao seu paso pola parroquia viveirense de Magazos, recoñeceron que esgotaran todas as vías legais para recurrir contra o cambio de trazado, polo que entenden que a Xunta non ten nada que lle impida executar a variante de Viveiro, incluído o tramo de Magazos. 

Os asistentes expuxeron á Viceportavoz nacionalista a preocupante situación vivida a raíz do cambio do trazado da variante de Viveiro, anunciado pola Xunta de Feijoo no ano 2010, e que suporá partir a parroquia de Magazos polo medio e medio e a demolición de vivendas e inmobles. Lamentaron o silencio e o menosprecio sufrido por parte da Xunta e a falta de interese do executivo do PP por buscar daquela unha solución intelixente (como di agora o Presidente Feijoo) para Viveiro e os veciños de Magazos. 

O BNG cre que o concello de Viveiro e os veciños de Magazos foron utilizados polo goberno de Feijoo como chivos expiatorios, posto que é evidente que o desacordo no cambio de trazado da variante que afectaba a un tramo de Magazos de 2,6 quilómetros non era un impedimento para a licitación dos tramos dos 19 quilómetros restantes da VAC de Viveiro, máxime cando o proxecto desta variante contaba con dotación orzamentaria tal e como anunciaran en diversas ocasións. Está claro que o goberno de Feijoo creou no 2010 un problema onde non o había e está claro que agora no 2017, ao non ter xa recurso xudicial pendente no que escudarse, parece seguir querendo hipotecar o futuro de Viveiro e o d@s viverenses/as manténdoos desconectados do progreso e aillados do resto da Mariña en tanto el e o seu goberno estudan presentar 5 ou 6 novas alternativas a un tramo, dun trazado, dunha VAC que nunca acaba de facerse realidade. 

A deputada  nacionalista, Olalla Rodil, informoulles que o BNG, a través do seu grupo parlamentar, presentará unha serie de preguntas tanto en comisión parlamentaria como en pleno sobre a disponibilidade orzamentaria para a licitación da VAC de Viveiro no 2017 e prazos de execución que manexa o executivo de Feijoo para esta variante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario