domingo, 22 de xaneiro de 2017

PROFESORES DO CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA DE VIVEIRO REUNIRONSE COA DEPUTADA PARLAMENTAR, OLALLA RODIL, O DEPUTADO PROVINCIAL, ANTÓN VEIGA E MEMBROS DO BNG DE VIVEIRO CO FIN DE BUSCAR SOLUCIÓNS PARA GARANTIR O FUTURO DO CONSERVATORIO VIVEIRENSE.

Profesorado do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro mantiveron unha xuntanza, a tarde do venres pasado, coa deputada parlamentar e membro da Comisión de Educación e Cultura no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, co deputado provincial, Antón Veiga e  membros do BNG de Viveiro. O obxecto desta nova reunión era escoitar as demandas do profesorado e avanzar nas  propostas e alternativas de cara a buscar solucións para a integración do conservatorio viveirense, entre outros, na rede de conservatorios da Xunta de Galiza.

O Conservatorio de Viveiro que conta cuns 24 profesores/as que imparten clases de música a distintos niveis a máis de 300 alumn@s de toda a Mariña e Ortigueira, é un centro de referencia na Comarca e de recoñecido prestixio en Galiza pola súa calidade educativa, onde se formaron múltiples profesores e profesionais da música que ocupan prazas en distintos conservatorios de música. Un centro musical, patrimonio cultural de toda a Mariña, que está sendo ignorado e desatendido pola Xunta, a pesar de que debería ser de competencia e de titularidade da Consellería de Educación, mentras é o concello de Viveiro o que está asumindo a maior parte do seu custo de mantemento, máis 600 mil euros anuais, e onde as familias d@s alumn@s son castigadas a pagar entre 3 e 5 veces máis de matrícula que as familias d@s alumn@s doutros conservatorios de música integrados na rede da Xunta.

O BNG concordan co profesorado en que, como medida curtopracista, débese buscar financiación doutras administracións (Xunta, Deputación…) para paliar na maior medida do posible o sobrecusto do concello e das familias d@s alumn@s, e neste punto, a deputada Olalla Rodil trasladou aos representantes do Conservatorio de Viveiro que o grupo parlamentar do BNG viña de presentar dentro das súas emendas aos orzamentos da Xunta unha solicitude de liñas de axuda para o 2017 destinadas ao mantemento de conservatorios de música de titularidade municipal. 


De xeito paralelo e xa como solución a medio-longo prazo, o BNG manifestoulles aos asistentes que o grupo parlamentar nacionalista ía presentar nas vindeiras semanas unha proposta á Consellería de educación para que realice un estudo do mapa de conservatorios de música de Galiza co obxecto de analizar, a súa situación xeográfica, o número, as características dos mesmos,  a demanda e necesidades da poboación de cara a ir incorporando escalonadamente conservatorios, de características similares ao de Viveiro, á rede de conservatorios da Xunta de Galicia.


Ningún comentario:

Publicar un comentario