sábado, 11 de febreiro de 2017

O BNG DE VIVEIRO COMEZA A RECOLLIDA DE SINATURAS ENTRE AS ENTIDADES E COLECTIVOS DO CONCELLO PARA RECLAMAR AO MINISTERIO DE FOMENTO A SINALIZACIÓN DE VIVEIRO NAS AUTOVÍAS DA A-6 E A-8

O BNG-Asembleas Abertas de Viveiro, facéndose eco dunha demanda reiterada da súa veciñanza, vai comezar a vindeira semana unha recollida de sinaturas entre as entidades e colectivos do concello para  promover unha proposta de moción conxunta para debatir e aprobar pola corporación municipal de Viveiro, que estará suscrita polo sector empresarial, hosteleiro e comercial de Viveiro, así como polo movemento social e veciñal da cidade do Landro que desexen sumar esforzos para unha vez máis reclamar, como xa fixeran en anteriores ocasións estes colectivos, así como a propio concello, o que cremos todas e todos xusto, necesario e lexítimo, como é o de incluír no mapa de paneis verticais das autovías A6 e A8 o nome de Viveiro.


Unha proposta de actuación colectiva na defensa dos intereses de toda a veciñanza de Viveiro que ten como obxecto ademais, de reclamar a sinalización do seu municipio nas autovías  A6 e A8, arroupar ao concello de Viveiro e a súa corporación para impulsar o éxito desta demanda veciñal e social ante o Ministerio de Fomento, xa que aínda sendo un dos concellos con maior potencial económico da Comarca e dos máis importantes da provincia de Lugo segue a ser un dos concellos máis castigados e aillados inmerecidamente, ademais de pola falta de vías axeitadas ao século XXI, pola nula sinalización do municipio de Viveiro na Autovía do Noroeste (A-6) e do Cantábrico (A-8). Unha nula sinalización que dificulta as/aos visitantes e usuarios destas vías de comunicación a localización do concello de Viveiro e provoca confusión n@ viaxeir@ á hora de buscar a ruta máis accesible cara a Viveiro. Viaxeir@s que estarán pensando visitarnos nos vindeiros meses para coñecer e gozar das nosas festas e festivais de recoñecido prestixio internacional así como das nosas praias e do noso patrimonio histórico-artístico e natural, pero que se non se pon solución a este problema atoparanse, un ano máis, con dificultades para localizar e chegar facilmente ao noso concello.


Ningún comentario:

Publicar un comentario