mércores, 19 de xullo de 2017

O BNG VIVEIRENSE SAÚDA A “SINALIZACIÓN DE VIVEIRO” NALGUNHA DAS SAÍDAS DA A8 RECLAMADAS, A TRAVÉS DO CONCELLO, DESDE O BNG, COLECTIVOS EMPRESARIAIS E ENTIDADES VECIÑAIS E ANIMA AO MINISTERIO DE FOMENTO A CONTINUAR TRABALLANDO NA SINALIZACIÓN DO MUNICIPIO NAS RESTANTES SAÍDAS DA A6 e A8 SOLICITA­­DAS


O Ministerio de Fomento comezou a sinalizar o municipio de Viveiro  nalgunha das saídas da autovía A8 reclamadas polo concello a instancia dunha iniciativa impulsada polo BNG de Viveiro e promovida por unha vintena de colectivos e entidades veciñais e empresariais do municipio.

 Viveiro, 19 de xullo de 2017.-  

O BNG de Viveiro felicita a todos os colectivos empresariais e entidades veciñais e sindicais que promoveron a iniciativa impulsada pola organización nacionalista para reclamar a sinalización vertical de Viveiro nas saídas das autovías do Noroeste (A6) e do Cantábrico (A8), así como tamén quere trasladar esta felicitación a alcaldesa e ao concello de Viveiro por apoiar esta iniciativa colectiva, aprobando por unanimidade unha moción para instar ao Ministerio de Fomento a sinalización do municipio de Viveiro. Desde o BNG tampouco se olvidan de todas aquelas persoas que participaron na campaña de apoio á sinalización de Viveiro nas redes e que contribuíron tamén coas súas fotos a darlle a volta a esta situación de agravio e o esquecemento que está a sufrir Viveiro.

A sinalización vertical de Viveiro que Fomento ven de incluír na saída 524 da Autovía do Cantábrico A8 (dirección Vilalba / Coruña) é unha das solicitadas ao Ministerio de Fomento, a Unidade de Estradas do Estado en Lugo e á Subdelegación de Goberno na moción consensuada con todos os colectivos e aprobada polo concello e, aínda que sí é certo que faltan en 5 das saídas reclamadas, o Bng espera que Fomento continúe coa sinalización de Viveiro e remate nun curto prazo de tempo estes traballos que están seguras, desde a organización nacionalista, vai facilitar  a orientación das condutoras e condutores e vai conseguir que esa falta de sinalización deixe de provocar confusión nos viaxeiros e viaxeiras á hora de buscar a ruta máis accesible cara a Viveiro.

Desde o BNG de Viveiro queren aproveitar para animar as súas veciñas e veciños a unirse e a sumar forzas para saír do aillamento no que nos mantén o goberno de Feijoo e reclamarlle a execución das obras, tantas veces prometidas e desde hai tantos anos, da VAC ao seu paso por Viveiro para a súa conexión coa rede de estradas de altas prestacións e de infraestruturas viarias de conexión exterior  que precisa imperiosamente o noso concello para non continuar perdendo peso económico e poboacional e ter a oportunidade de futuro que unha vila como Viveiro e a súa veciñanza se merecen, e pon como exemplo de acción colectiva esta iniciativa sobre a sinalización da vila viveirense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario