domingo, 12 de novembro de 2017

O BNG DE VIVEIRO PROPONLLE AO GOBERNO DE MARÍA LOUREIRO MEDIDAS PARA CONTRIBUÍR A REBAIXAR O ÍNDICE DE SINISTRALIDADE NA TRAVESÍA DE COVAS, QUE FAVORECEN, AO MESMO TEMPO, Á VECIÑANZA DE COVAS E AO SEU COMERCIO E HOSTALERIA.

O Bng de Viveiro ven de rexistrar no Concello de Viveiro, o venres 10 de novembro, un documento no que  lle propón ao goberno municipal de María Loureiro unha serie de medidas,  á espera da construción da alternativa á estrada LU-862, a tan prometida VAC, que axudarían a rebaixar o índice de sinistralidade na Travesía de Covas, e que favorecerían ao mesmo tempo ao comercio, hostalería e veciñanza de Covas.

 No documento que a formación nacionalista lle fai chegar a alcaldesa de Viveiro inclúese unha exposición de motivos da necesidade  de poñer en marcha medidas coma as que lle propoñen desde o bng de Viveiro e que son basicamente tres:
 1) sinalización dos aparcamentos en espiga na travesía de Covas para que os vehículos estacionados saían de fronte ao víal.
2)  instalación de  luminarias de luz branca fría nos pasos de peóns.
3) posta en marcha dun sistema de xestión de solares privados dispoñibles na zona de Covas para utilizalos como aparcadoiros públicos provisionais, a través do comodato ou préstamo de uso.

A continuación  achégase o documento íntegro da exposición de motivos e medidas propostas polo Bng de Viveiro presentado ao goberno municipal.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A travesía de Covas, pola que cruza a estrada autonómica LU-862 que  une o Vicedo con San Cibrao e discurre pola Mariña Occidental de leste a oeste, soporta un alto índice  de circulación, que se ve incrementado na  época estival e festivos. O elevado número de vehículos que circulan por esta zona fai que se rexistren cada vez de xeito máis habitual notables retencións de tráfico á altura do centro de Covas. Se a isto lle unimos os aparcadoiros en batería “de fronte”, situados nun dos laterais da estrada onde os coches teñen que maniobrar marcha atrás invadindo a estrada, co consecuente risco para a circulación,  está claro que tanto os viandantes, que frecuentan esta zona, coma os vehículos, que teñen que circular por esta travesía, fanno en condicións incómodas e pouco seguras, facendo deste tramo un punto negro tal e como indica a alta concentración de accidentes nos últimos anos.
A formación nacionalista entende que as distraccións dos viandantes e condutores, tal e como asegura a Xunta de Galicia, podan ser unha das posibles causas dos accidentes na Travesía de Covas, pero non desde logo a única,  mais o que ten por seguro esta formación política é que a veciñanza de Covas e os seus visitantes non sufrirían esta situación de inseguridade e perigosidade diaria se o goberno da Xunta de Galicia cumprira cos seus deberes, tal e como levan prometendo nesta Comarca desde hai máis dunha década, e que non son outros que a construcción dunha alternativa á LU-862 denominada como CG-2.3, ou sexa, a tan nomeada  Vía de Alta Capacidade da Costa Norte ou Vía de Altas Prestacións da Costa Norte, proxecto que se plantexara no seu día como unha “compensación” ao trazado final da Transcantábrica (A8) desviada ata a Comarca chairega, deixando ás Comarcas da Mariña Occidental e Ortegal, ata o día de hoxe, cunhas vías de comunicación deficientes e perigosas, con trazados antigos que atravesan numerosos núcleos urbanos, como o da parroquia de Covas.
Según anunciou a Xunta as medidas que ten previstas para  mellorala seguridade vial da estrada autonómica (Lu-862), ao seu paso por Covas, vanse centrar unicamente no reforzo da sinalización e en limitadores de velocidade.
 
Deixando á marxe o silencio premeditado do goberno da Xunta sobre o estado actual da CG-2.3, coa cal se prentendía suplir a estrada LU-862 e sobre a que se lle debería esixir explicacións desde o propio concello, Desde o Bng, sen entrar a valorar as actuacións anunciadas para mellorar a seguridade vial nesta zona, máis alá de entender que as medidas indicadas efectivamente ralentizarán a circulación ao longo da travesía, o que por outra parte van implicar un importante incremento das retencións de tráfico na zona, consideran que son insuficientes as actuacións apuntadas desde a Consellería de Infraestruturas.
 


Á vista do exposto, o Bloque Nacionalista Galego de Viveiro

PROPÓN QUE:

PRIMEIRO.-  o goberno municipal inste á Consellería de Infraestruturas a incluír no Plan de  mellora da seguridade no vial LU-862 á altura de Covas, que ven de anunciar estes días, as obras de sinalización dos aparcamentos en espiga na travesía de Covas para que os vehículos estacionados saían de fronte ao víal, tal e como veñen reclamando os representantes dos hostaleiros e veciñanza de Covas e tal como o recomendan as normas de seguridade, co cal se logrará que haxa menor risco de accidentes porque as/os conductores/a terán maior visibilidade e se mellorará ao mesmo tempo a seguridade das e dos viandantes da zona.

SEGUNDO.- o goberno municipal instale luminarias de luz branca fría nos pasos de peóns, xerando unha luminosidade asimétrica respecto á iluminación da rúa, moito máis cálida. Isto mellora a visibilidade nocturna dos peóns e conductores: aumenta sustancialmente a eficacia da sinalización vertical e horizontal, facéndoa visible a maior distancia e dun xeito máis destacado, o que centra unha maior atención ao conductor.

TERCEIRO.- o goberno municipal  poña en marcha un sistema de xestión de solares privados dispoñibles na zona de Covas para utilizalos como aparcadoiros públicos provisionais, a través do comodato ou préstamo de uso. Medida esta que axudaría á desconxestión do tráfico e á mellora da fluidez da circulación na travesía de Covas,  contribuíndo así, ao mesmo tempo, a rebaixar o grado de sinistralidade nesta zona, á marxe do incremento de prazas de aparcadoiro que  suporía a aplicación desta medida e que favorecería o comercio e hostalaría local de Covas, a súa veciñanza e visitantes.

A experiencia na aplicación deste sistema de xestión, que veñen desenvolvendo desde hai anos concellos como o de Carballo, Ribadeo ou, entre outros, Verín, é positiva e está a dar bos resultados para a veciñanza,  polo que desde o Bng animamos á Alcaldesa a iniciar conversas cos titulares de solares privados dispoñibles na parroquia de Covas para ofrecerlles a posibilidade de  ceder o uso dos seu solares ao concello, a través dun contrato comodato (artigo 1932 CC), co único obxecto de acondicionalos como aparcadoiros públicos e así aumentar os espazos de estacionamento na zona centro de Covas e desconxestionar a travesía de Covas. Contrato co que, a súa vez,  o titular quedaría liberado de pagar calquera gasto de conservación do ben, así como as subministracións e tributos do ben cedido, polo uso e proveito do Concello, así como calquera outro gasto de comunidade ou inherente ao seu uso e conservación, podendo ademais o titular recuperar o ben cedido no prazo acordado polas partes.


 

 

 

 

 


 

 

 

 

 




















Ningún comentario:

Publicar un comentario