mércores, 25 de maio de 2016

O Consello Local do BNG en Viveiro, solicita a toma en consideración da corporación municipal dunha declaración institucional sobre Alcoa

Á vista das informacións aparecidas nos últimos días sobre a intención da multinacional Alcoa de pór á venda, entre outras,  a planta de aluminio que posúe en San Cibrao e
 que dá emprego nestes momentos a 1000 persoas directamente máis uns 300 indirectos.

 O  impacto social e económico que supón tal planta nesta comarca, empregando a persoas de practicamente todos os concellos, convértea, ante a falla de industrialización da zona, nun dos principais sectores tanto a nivel económico como de emprego.

Permitir a destrución dun centro de traballo destas características sería unha traxedia que suporía condenar a esta comarca a un futuro incerto e xerar aínda máis desemprego e, como consecuencia, emigración e o despoboamento dos nosos concellos.

Tendo en conta o exposto e ante a incerteza que se vive nestes momentos sobre esta cuestión, o BNG-AA propón que o Concello de Viveiro, previo consenso con todos os grupos municipais, faga pública a seguinte

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL:

1.- O Concello de Viveiro traslada o seu máis enérxico apoio e todo o ánimo  ás traballadoras e traballadores da planta de Aluminio que a multinacional Alcoa posúe en San Cibrao. Neste sentido, ponse á súa disposición para realizar todas as xestións posibles para garantir os postos de traballo.

2.- O Concello de Viveiro manifesta que os arredor de 1.300 postos de traballo –entre directos e indirectos- que supón actualmente a planta de aluminio son fundamentais para esta comarca, para este concello e para as familias que aquí viven, para garantir a súa supervivivencia e o seu futuro.

3.- O Concello de Viveiro ponse a disposición e  insta a todas as institucións públicas a traballar coordinada e continuamente para garantir que ningunha das posibles situacións que se poidan dar afecten aos postos de traballo, que se manteña o número de postos e as condicións dos mesmos e se garanta que as nosas veciñas e veciños non se van ver afectados polas decisións empresariais dunha multinacional que actúen en base aos seus propios intereses económicos sen valorar as repercusións sociais que pode ter nun territorio coma o noso.





   

Ningún comentario:

Publicar un comentario